Servizos

PARA A SOCIEDADE:

1. PROGRAMA DE INFORMACIÓN, VALORACIÓN, SEGUIMENTO E ORIENTACIÓN.

– Descrición: Recepción e atención de familiares e coidadores ou poboación en xeral como primeira toma de contacto coa Asociación para recoller información básica que permita coñecer a situación persoal e familiar nos aspectos relacionados coa enfermidade. Está atendido por unha Psicóloga e un Traballador Social.

– Finalidade: Información sobre a enfermidade e recursos sociosanitarios na zona. Resposta ás demandas específicas a través dos propios recursos (taller de estimulación, apoio psicolóxico, etc…). Derivacións a outros servizos ou recursos da zona. Información sobre actividades propias e da comunidade, asesoramento para resolver problemas relacionados coa enfermidade. Información sobre como asociarse, como participar, etc..

2. PROGRAMA DE VOLUNTARIADO.

A participación de persoas voluntarias é fundamental para o desenvolvemento das actividades de AFAMON. A contribución desinteresada e altruísta destas persoas, xunto coa súa formación e experiencia fai aumentar a eficiencia e a eficacia das nosas actuacións. Dende o ano 2004 veñen colaborando voluntarios no Programa de Estimulación Cognitiva e Psicomotriz, realizando tarefas de dinamización e apoio ós profesionais nas actividades dos obradoiros dirixidos ás persoas con demencias; e no Programa de Animación Sociocultural. En ambos programas os voluntarios coa súa colaboración teñen a oportunidade de coñecer ó tratamento terapéutico para as persoas que padecen enfermidades neurodexenerativas e ó mesmo tempo facilitan a inclusión deles dentro da sociedade, mediante a participación en actividades a realizar dentro da comarca igual que o pode facer a comunidade en xeral. Ademais as persoas interesadas poden participar nas sesións formativas que organice AFAMON e a súa actividade dentro da entidade está cuberta por un seguro de responsabilidade civil e de accidentes.

3. ACTIVIDADES DE SENSIBILIZACIÓN SOCIAL:

Celebración do Día Mundial do Alzhéimer (21 de setembro), actos informativos, charlas, artigos en medios de comunicación escrita, entrevistas en radios comarcais, etc.

4. OBRADOIROS INTERXENERACIONAIS:

Proxecto ” A clase cos avós”. Está dirixido a persoas con demencias usuarias do Programa Estimulación Cognitiva e nenos e nenas con idades entre 6 e 12 anos. Lévanse a cabo en colaboración cos colexios de Educación Primaria ou outros colectivos da Comarca. Realízanse diversas actividades (traballos manuais, xogos terapéuticos, cantar, bailar (diversas actividades lúdico-dinámicas, etc), que permitan a interacción entre os participantes. Os obxectivos son , por unha parte, fomentar nos nenos valores positivos cara as persoas maiores (e as patoloxías relacionadas co envellecemento), e por outra, mellorar a calidade de vida das persoas con demencias a través da afectividade dos nenos e nenas, (normalizando a presenza de patoloxías e non estigmatizándoas).

5.SERVIZO DE ENVELLECEMENTO ACTIVO:

Consiste na realización de obradoiros de prevención e mantemento cognitivo. Están organizados polos concellos da Comarca ou outras entidades e impartidos por AFAMON. Dirixidos a persoas maiores de 50 anos que non presentan deterioro cognitivo. Contempla diversas actividades realizadas en grupos reducidos coa finalidade de activar e mellorar o rendemento das súas capacidades cognitivas, contribuíndo ó seu mantemento/recuperación.

B) PARA AS FAMILIAS

1. SERVIZO DE ATENCIÓN PSICÓLOXICA INDIVIDUAL E FAMILIAR

  • Descrición: trátase de prestar atención psicolóxica a través de accións de acompañamento personalizado e continuado do familiar que realiza a tarefa de coidador durante o proceso de evolución da enfermidade.

  • Finalidade: Facilitar a resolución de situacións de crise e a prevención de dificultades futuras, optimizando así os coidados e atencións que o/a familiar presta á persoa con demencia no seu contorno habitual.

2.TERAPIA DE GRUPO

– Descrición: Realización de terapia psicolóxica con familiares e coidadores de enfermos de Alzhéimer e outras Demencias, onde poidan expresarse, resolver conflitos ou dificultades nun grupo coas mesmas problemáticas, mediante o apoio psicolóxico dirixido por unha psicóloga.

– Finalidade: Lograr melloría psicolóxica e física nos familiares que acudan a dita terapia, compartindo as experiencias doutros familiares que estean ou estivesen na mesma situación en grupos de autoaxuda e a terapia psicolóxica aplicada ó caso.

3. FORMACIÓN.

De xeito periódico organizamos acción formativas en forma de xornadas, cursos, charlas, etc. dirixidas fundamentalmente ós coidadores principais para facilitarlles a adquisición dos coñecementos básicos sobre as demencias e os diferentes aspectos relacionados (legais, sociais, de saúde, etc) para que logren prestarlles ós seus enfermos as mellores atencións sen esquecer o coidado do propio coidador.

c) PARA AS PERSOAS CON DEMENCIAS E OUTRAS ENFERMIDADES NEURODEXENERATIVAS.

1. PROGRAMA DE ESTIMULACIÓN COGNITIVA E PSICOMOTRIZ.

3.1. PROXECTO: “Traballando dende os recordos”.

– Beneficiarios: persoas con Alzheimer, outro tipo de demencias e enfermidades neurodexenerativas en fase inicial ou moderada.

– Descrición: Trátase de levar a cabo actividades terapéuticas en forma de obradoiro, dirixidas por unha psicóloga e executadas por un educador social co apoio de unha auxiliar coidador e voluntarias/os, nas que se trata de estimular as capacidades cognitivas que poden verse afectadas pola demencia, como son a orientación, linguaxe, memoria, praxias, gnosias, cálculo, atención e funcións executivas e tamén a psicomotricidade e o exercicio físico, encamiñado a manter a flexibilidade articular e a tonicidade muscular. De xeito complementario tamén se realizaron actividades de traballos manuais e lúdicas un día á semana, como a elaboración de elementos decorativos, celebración de festas de aniversarios, etc.

– Actividades:

1)Realización de sesións de estimulación cognitiva, de orientación, linguaxe, praxias, gnosias, reminiscencia, memoria, atención, funcións executivas e cálculo, en grupo e individualmente. Lévanse a cabo de luns a venres durante tres horas diarias.

2) Realización de actividades de exercicio físico e psicomotricidade: Consiste na utilización de técnicas que permitan o desenvolvemento das posibilidades motoras, expresivas e creativas a partir do corpo para aumentar a capacidade de interacción do suxeito co ámbito. Usamos diferentes materiais como cordas, frechas e formas, sensacións olfactivas, tiranillas, dominó táctil, etc. Realízanse exercicios en grupo e de forma individual.

3) Realización de actividades en grupo: psicoestimulación, obradoiros de traballos manuais, actividades lúdicas (celebración de festas de aniversario, baile, etc). Lévase a cabo un día á semana durante dúas horas aproximadamente.

– Finalidade: Proporcionar tratamento non farmacolóxico para enlentecer os síntomas da enfermidade e que o enfermo manteña as súas capacidades cognitivas, funcionais e sociais durante o maior tempo posible, mellorando desta maneira a súa autonomía e autoestima. Tamén se facilitan unhas horas de respiro para os familiares coidadores.

2. SERVIZO DE ATENCIÓN PERSOAL NO FOGAR.

2.1. Servizo de fisioterapia no fogar

– Descrición: Consiste en ofrecer un servizo de fisioterapia nos domicilios dos beneficiarios a, a través de profesionais especializados, durante unhas horas ao dia ou á semana, segundo as necesidades detectadas polo equipo técnico e mediante a valoración do estado a nivel motriz, aplicando tratamentos con técnicas de fisioterapia.

– Finalidade: Contribuír a que a persoa con demencia conserve unha vida o máis independente posible e facilitar a descarga física e psíquica dos familiares coidadores, mantendo a mobilidade e o estado da marcha do enfermo durante o maior tempo posible.

3. PROGRAMA DE ANIMACIÓN SOCICULTURAL

3.1. PROXECTOS: “Memoria cultural da Comarca de Lemos “ e “Memoria e tradición”:

– Descrición: Consiste, por unha parte, en levar a cabo unha serie de visitas a lugares de interese artístico e cultural (pazos, museos, igrexas, paisaxes, etc) da zona da Ribeira Sacra, e por outra, celebramos festas e eventos tradicionais propios da Comarca ( Magosto, San Antón, San Xoán, o Nadal, etc), onde traballamos aspectos relacionados coa cultura dos nosos maiores mediante técnicas de reminiscencia, provocando que as persoas con demencias entren en contacto con elementos do seu pasado que lles estimulen os recordos e as primeiras vivencias.

O carácter evocador das situacións do pasado facilita que as persoas con Alzhéimer e outras demencias revivan momentos da etapa anterior á enfermidade estimulando así a súa memoria e mantendo o maior tempo posible a relación coa cultura.

– Finalidade: Actuar en diferentes ámbitos do desenvolvemento da calidade de vida da persoa con demencia co fin de estimular a memoria remota nas persoas con demencias, manter o contacto coa propia cultura e favorecer as relacións sociais.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad